O empresario e fillo predilecto de Maceda Francisco Nóvoa presentou no castelo o libro «Lembrazas dun camiño»

O libro Lembranzas dun camiño, do empresario Francisco Nóvoa (Francos, 1944), non podía presentarse en ningún lugar que non fose Maceda, «o territorio xeográfico da patria orixinal da infancia», en palabras do autor do limiar, Avelino Muleiro, que o acompañou no acto celebrado no castelo da vila. «Non nos queda ningunha físgoa de dúbida de que a súa vida ten sido unha contribución importante a moitas historias: á persoal, á familiar, á das persoas que pasan polas súas empresas, á colectiva de Galicia a través da defensa la lingua e das súas cuantiosas colaboracións», asegurou Muleiro, que repasou durante a súa intervención as distintas partes nas que está estruturado o libro: a vida familiar, Correos, o proxecto empresarial e a labor social. «Falar de Paco Nóvoa na cidade das Burgas é desviar a atención ó fundador da Academia Postal, unha empresa líder da formación. É falar de liderado, competitividade, filantropía e sentido humano», incidiu Muleiro.

Durante a presentación, que se organizou como unha conversa coa súa filla maior, Marta Nóvoa, directora de Academia Postal, o protagonista lembrou que foi outro macedán, Santiago Prol, quen o animou a emprender o proxecto. Aínda que finalmente tomou outro rumbo —«Converteuse nun sumatorio de esforzos»— Nóvoa insistiu no agradecemento a Prol: «É un orgullo para Maceda ter a persoas coma el». Debullou recordos, como cando sendo neno pasaba medo ó ir andando desde Francos ata Niñodaguia, para levarlle a comida ó seu pai, que traballaba na fábrica de cerámica. Ou cando ía ó coche de liña para recoller a película para proxectar no Cine Gayoso, onde tivo un dos seus primeiros traballos: pagábanlle cinco pesetas.

Algúns dos asistentes, antes da presentación, ás portas do castelo de Maceda Miguel Villar

 

Para explicar a orixe da súa empresa lembrou que, cando superou as oposición de Correos —chegou a ser xefe provincial en Ourense—, os compañeiros pedíronlle que os asesorara na preparación. Esa axuda inicial acabou derivando na fundación de Academia Postal, en 1968. «Empezamos nun local na Alameda e despois nun piso en Capitán Eloy. Eu saía ó balcón por medo a que non chegaran os alumnos», rememorou Nóvoa na presentación. Lembrou, entre risas dos asistentes, que nunha ocasión que sufriu unha lesión e tivo que gardar cama, os alumnos foron á súa casa para recibir a clase no seu dormitorio.

O alcalde de Maceda, Rubén Quintas, foi o encargado da despedida: «Se ti vas por Maceda con calquera tipo de problema e te encontras a Paco, o problema está solucionado. Porque, só por ser de Maceda, vaite aconsellar como se fora teu pai». O rexedor agradeceu tamén a colaboración que, «de forma silenciosa», presta a colectivos e persoas do concello. Integrantes da agrupación musical Os do Fuelle puxeron a música, ó principio e ó remate do acto.

 

 

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2023/03/05/span-langglcando-abrin-academia-postal-saia-balcon-medo-non-chegaran-os-alumnosspan/0003_202303O5C6991.htm

Salir de la versión móvil