3º Fornada Tradicional e Fiadeiro de Niñodaguia

sábado 1 de abril, cun programa que arrancará ás 11,00 horas co acendido dos fornos e incluirá xantar popular, actuacións musicais e o fiadeiro

Ourense, 23 de marzo de 2023.- A Deputación de Ourense colabora a través do Inorde coa 3º Fornada Tradicional e Fiadeiro de Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo, unha festa de interese etnográfico que se celebrará nesta localidade o vindeiro sábado 1 de abril e que terá como protagonista á artesanía local coa cerámica e o fío.

A xornada, organizada pola Asociación Cultural Amigos do Barro de Niñodaguia, a Asociación de Veciños de Niñodaguia e a Comisión de Festas de Niñodaguia, forma parte do programa “Días Europeos da Artesanía”, coordinado pola Fundación Artesanía de Galicia, e conta tamén coa colaboración do Museo Taller de Olería de Niñodaguia e o Concello de Xunqueira de Espadanedo.

A presentación desta nova edición da Fornada Tradicional tivo lugar hoxe no Pazo Provincial e contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o presidente da Asociación Cultural Amigos do Barro de Niñodaguia, Agustín Vázquez; e a representante da Asociación de Veciños de Niñodaguia, Rosa María Gallego.

Programa de actividades

A 3ª Fornada Tradicional de Niñodaguia dará comezo o 1 de abril ás 11,00 horas co acendido dos fornos e o inicio da actividade artesá. Xa no mediodía, despois da sesión vermú amenizada polo grupo “Os do Fuelle” (13,30 horas) celebrarase un xantar popular, en cuxo prezo estarán incluídos un prato e unha cunca da alfarería tradicional de Niñodaguia, tendo como prazo de inscrición ata o 26 de marzo -cun prezo de 12 euros, 8 para os nenos de ata 12 anos e gratis para os menores de 6-.

O xantar contará tamén coa actuación de “Os do Fuelle” e sorteos de pezas de cerámica tradicional. Será en horario de tarde, a partir das 17,00 horas, cando se celebre o Fiadeiro. Os asistentes a esta xornada festiva deberán vestir roupa típica de comezos do século XX.

Salir de la versión móvil