O presidente da Deputación completou esta tarde a terceira rolda de reunións con rexedores de toda a provincia, co fin de coñecer de primeira man as necesidades e peticións de colaboración supramunicipal
Os encontros individuais continuarán ata completar as conversas con todos os primeiros edís, combinando tamén con visitas ás diferentes comarcas para testar sobre o territorio as vías de cooperación, presentes e futuras, con todos os municipios
Ourense, 13 de setembro de 2023.- O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu esta tarde, no Pazo Provincial, a alcaldesa de Maceda. O encontro de traballo con Uxía Oviedo conformou a terceira rolda destas características que mantén o presidente provincial, co fin de coñecer a primeira man as necesidades e peticións de colaboración supramunicipal.
Precisamente, e partindo deste obxectivo, Luis Menor trasladoulle a rexedora, como xa realizou nas anteriores ocasións, o seu firme compromiso de “manter sempre aberta a vía do diálogo e a cooperación leal da Deputación cos concellos”, lembrando que ese principio é o alicerce fundamental da institución que preside.
Estes encontros individualizados continuarán nas vindeiras semanas ata completar as conversas directas co total dos 92 municipios da provincia, combinándose tamén con visitas a todas as comarcas para testar sobre o propio territorio as vías de cooperación, presentes e futuras, con todos os concellos de Ourense.